Enganos e estafas no mercado eléctrico

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

A situación de forte competencia no mercado eléctrico provocou que algunhas compañías (grandes e pequenas) decidiran apostar por estratexias comerciais agresivas e que con frecuencia se traspasara a liña vermella da ética e a legalidade.

Actualmente, a maioría de enganos e estafas realízanse a través de chamadas telefónicas. As visitas a domicilio, que hai un tempo eran máis frecuentes, deixaron de selo tanto.

Durante os últimos anos, varias persoas informáronnos de algunhas prácticas fraudulentas. A continuación explicamos as máis habituais.

O que tentan conseguir a maioría de enganos e estafas é un cambio de empresa comercializadora de forma fraudulenta e sen o consentimento da persoa usuaria. Adoitan tentar obter datos persoais (números de conta, códigos CUPS…) e noutros casos tentan conseguir un «si» telefónico que responde a outras preguntas, e que utilizan para poder levar a cabo o cambio de comercializadora, tamén sen o consentimento da persoa usuaria.

Un dos enganos máis utilizados na actualidade é o de ofrecer «descontos do goberno», incluso dicindo que «só eles poden aplicalo», ou ben que a empresa coa que estás non cho pode ofrecer. Isto é falso, xa que, desde Som Energia, os descontos regulamentarios que establece o goberno aplicámolos directamente e de xeito transparente (tal e como facemos coas diversas rebaixas do IVE, por exemplo).

Ás veces tentan confundir a persoa usuaria mesturando conceptos, por exemplo, comercializadora e distribuidora. As comercializadoras son as empresas que venden a enerxía ás persoas usuarias; Som Energia é unha comercializadora. As distribuidoras son as empresas que fan chegar fisicamente a enerxía ás persoas usuarias. As usuarias non poden escoller a súa distribuidora, xa que vén marcado por lei. Algunhas chamadas de empresas que tentan estafar aseguran que «non vas cambiar de distribuidora». Como diciamos, os contratos nunca cambian de distribuidora. O que pretenden é crear confusión e que quen recibe o engano crea que non vai cambiar de comercializadora (no noso caso, Som Energia).

As chamadas, ás veces, son máis agresivas e incluso aseguran que están ofrecendo un servizo ou desconto adicional e isto non fará que a persoa usuaria marche de Som Energia. Ás veces tamén chaman facéndose pasar por persoal de Som Energia.

Noutras ocasións tamén simplemente «informan» dun cambio (con con mellores condicións, mellor prezo ou descontos, por suposto), e se obteñen un simple «si» xa realizan o cambio de comercializadora, sen informar de cal é o cambio, ou do feito de que, ao dicir «si», estás aceptando un cambio de comercializadora e xa non estarás con Som Energia).

Outra das prácticas que se dá actualmente é ofrecer, de xeito transparente, un cambio de comercializadora de gas e, cando a persoa usuaria acepta, realizan tamén un cambio de comercializadora de electricidade (que non foi informado nin consentido).

Algunhas empresas tamén chaman pedindo algúns datos do contrato «para actualizalo» ou «para poder facer a lectura do consumo. O obxectivo é, unha vez máis, conseguir datos para cambiar o contrato de comercializadora.

Información, consellos e recomendacións para evitar estafas

Para evitar sufrir estafas ou enganos, hai certos puntos que hai que ter presentes:

  • Se non estás facendo unha xestión con nós (por exemplo, tramitar un cambio de potencia), é pouco probábel que te chamemos desde Som Energia.
  • Desde Som Energia non chamamos ás persoas titulares de contratos ofrecéndolles descontos especiais ou novos servizos. Cando hai descontos ou novos servizos, aplicámolos a todo o mundo (que poida ter acceso), e informámoste a través de correo electrónico e da nosa web.
  • Saber a diferenza entre empresa comercializadora e empresa distribuidora pode servirche para detectar intentos de fraude.
  • Desde Som Energia aplicamos os descontos que establece o goberno e aplicámolos a todos os contratos aos que a normativa establece que se poden aplicar. E para iso non é preciso que contrates nada con terceiros, nin que nos comuniques nada.
  • Por outra banda, o goberno non podería aprobar un desconto que só puidesen aplicar determinadas comercializadoras se non hai outro condicionante no medio. Ou sexa, se te chaman dicindo que «só eles poden aplicar ese desconto do goberno», podes preguntar «por que só poden eles», xa que isto sería fomentar competencia desleal.
  • Na maioría de casos, desde Som Energia comunicámonos vía correo electrónico. Tanto se debemos informarte de cambios de tarifas ou de condicións como se te alertamos dunha petición de baixa de contrato con Som Energia, farémolo por esta vía. Recomendámosche, polo tanto, que revises os nosos correos electrónicos (sempre os enviaremos cun enderezo que acabe con @somenergia.coop). Se tes medo de que te cheguen á carpeta de spam e non velos, podes gardar os enderezos de info@somenergia.coop e comercialitzacio@somenergia.coop como favoritas.
  • En Som Energia non temos comerciais nin persoas que fagan visitas a domicilio. Tampouco temos ningunha empresa subcontratada para xestionar trámites coas persoas socias e usuarias. Calquera persoa que se presente na túa casa dicindo que vén de parte de Som Energia está mentindo.
  • É preciso desconfiar de calquera persoa que poida presentarse na porta da casa, sobre todo e o fai sen previo aviso ou sen identificarse correctamente. A única persoa que pode acceder ao noso fogar é un axente da empresa distribuidora (e só en caso de ter o contador dentro da casa). Ademais, se a compañía distribuidora debe realizar algún tipo de revisión do contador, debe comunicalo previamente por escrito o facelo como resposta a unha reclamación ou demanda da mesma persoa usuaria.
  • Nunca amoses ningunha factura nin deas ningún dato persoal. No caso de que haxa algunha avaría no contador e este estea dentro da casa, a persoa técnica da compañía distribuidora nunca precisará ver ningunha factura nin obter ningún dato persoal. En caso de que o contador estea situado fóra do fogar, nin sequera precisa pórse en contacto coa persoa usuaria.
  • Nunca fagas ningún pagamento presencialmente. Calquera posíbel cargo que deba efectuar a compañía distribuidora realízase a través da factura de Som Energia.

Ante calquera dúbida ou sospeita, antes de dar ningunha información ou acceder a realizar ningún trámite, recomendamos que contactes con Som Energia, xa sexa por teléfono ou por correo electrónico.

Que facer en caso de cambio fraudulento de compañía?

Desde Som Energia, cada vez que temos unha petición de baixa de contrato, enviamos un correo de comprobación á persoa titular do contrato. Se a persoa non quería realizar un cambio de comercializadora e este se fixo en contra da súa vontade (por un engano, estafa ou erro), ten 14 días naturais para pedir, á nova comercializadora, o regreso á comercializadora inicial, e isto non pode implicar penalización algunha (este dereito coñécese como dereito a desistencia). Se é o teu caso, podes realizar esta xestión directamente. Se tes calquera dúbida, podes preguntarnos e informarémoste do que deberías facer para volver a Som Energia.

Tanto se estás dentro do prazo de dereito a desistencia como se non, sempre podes pedir un cambio de comercializadora cara Som Energia (enchendo o formulario de contratación).

Se o teu contrato cambiou de comercializadora máis dunha vez sen o teu consentimento, tamén podería deberse a un erro manual doutra persoa. Recomendámosche que investigues quen pode estar cedendo por erro o teu número de CUPS, a fin de alertar do erro, xa que, do contrario, o máis probábel e que siga pasando.

Por outra banda, se fuches vítima dun engano ou estafa, tamén podes denunciar o feito ante a Oficina Municipal de Información de Consumo (OMIC) máis próxima que teñas, para tentar rematar coas malas prácticas que adoitan utilizar algunhas empresas. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), no seu blog, explica varias formas de reclamar e denunciar.

De feito, a CNMC sancionou algunhas eléctricas por facer cambios de compañía sen o consentimento explícito da persoa usuaria.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar