Que son os servizos de axuste que aparecen na factura?
| [També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Os servizos de axuste son custos obrigatorios que cobra Rede Eléctrica de España (REE) relacionados coas actuacións que fai o sistema para garantir que a rede eléctrica estea equilibrada e opere de forma segura. Isto significa que, tecnicamente, a enerxía que está dispoñíbel na rede nun momento determinado é a que se prevé que se consuma nese preciso momento.
Até o de agora, este custo incluíase dentro do prezo da enerxía, dado que era bastante estábel e se podía trasladar de forma fácil e directa. Porén, desde a apagada xeral que se produciu en abril de 2025, o custo dos servizos de axuste tornou moi volátil e xa non é un custo constante que poidamos estimar con facilidade. Agora varía moito porque, a miúdo, para manter ese equilibrio que mencionamos, hai que pór en marcha centrais de ciclo combinado para xerar electricidade e o seu custo é directamente proporcional ao prezo do gas.
Así, REE traslada estes custos segundo as necesidades da rede, e resulta imposíbel saber con antelación cal será o custo dos servizos de axuste cada mes.
Por este motivo, en Som Energia e desde o 1 de maio de 2026, pasamos a cobrar os servizos de axuste á parte da tarifa, aplicando o custo real que fixa REE cada hora. Podes consultar o prezo medio mensual de REE nesta ligazón.
A decisión de cobrarmos o prezo dos servizos de axuste de forma separada do termo de enerxía tomámola por unha cuestión de responsabilidade: para non cobrarmos de máis nin termos que asumir uns custos que non podemos prever nin asegurar. Deste modo, cada persoa pagará o custo exacto e real que traslada REE para garantir o equilibrio da rede e evitar apagadas.
Este cobro á parte aplícase sobre as tarifas períodos e Generation kWh.
Na tarifa indexada o prezo dos servizos de axuste mencionados xa se traslada e se inclúe no prezo da enerxía.
A modo de resumo:
- Que son os servizos de axuste? Son custos obrigatorios fixados por REE para garantir que a rede estea equilibrada e evitar cortes de luz.
- Por que os cobramos á parte? Para sermos máis xustos. No canto de facer unha previsión do seu custo, cobramos o custo exacto e real de cada momento.
Para saber máis: como calcula REE o custo dos servizos de axuste?
Para entender de onde sae o importe dos servizos de axuste, hai que ter en conta que inclúe. Os principais conceptos que engloba son:
- Restricións técnicas: custos asociados aos momentos en que REE modifica a produción prevista porque existen limitacións na rede ou problemas de seguridade.
- Reserva de regulación secundaria (aFRR): axustes automáticos de xeración/consumo para corrixir desviacións en tempo real.
- Reserva de regulación terciaria (mFRR): recursos activados para recuperar as reservas e corrixir desequilibrios.
- Outros servizos asociados ao balance e a estabilidade do sistema.
REE publica un arquivo co custo deste concepto, que varía cada hora.
Polo tanto, como o custo é variábel cada hora, aplícase no consumo horario que mediu o contador, tendo en conta o coeficiente de perdas que tamén definiu REE para cada hora.
Importe servizos axuste = Consumo horarioh × Prezo servizos axuste con perdash
Prezo servizos axuste con perdas = SA(1) × (1 + Perd(2) / 100)
(1) SA: Custos dos servizos de axuste para resolver as restricións técnicas do sistema cargados por REE.
(2) Perd: Coeficientes de perdas reguladas de sistema desde o punto de xeración ao punto de consumo, segundo o valor publicado por REE no momento de xerar a factura.
En resumo, os servizos de axuste non teñen un prezo fixo, senón que este varía en función do uso enerxético que fagas e do prezo destes servizos definido por REE cada hora.