As diferentes modalidades de autoprodución renovábel doméstica (igual ou inferior a 100 kW)

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

O Real Decreto 244/2019 define as novas modalidades de autoprodución (autoconsumo) ás que se poden acoller as persoas usuarias da rede eléctrica que dispoñan de instalacións de xeración de enerxía de orixe renovábel.

Neste artigo centrámonos nas instalacións domésticas, ou sexa, cunha potencia igual ou inferior a 100 kW.

Cando teñas clara a modalidade de autoprodución á que te queres acoller, tes que seguir os pasos que se explican nesta ligazón.

Táboas resumo das diferentes modalidades de autoproducción:

Glosario

Autoprodución individual: instalación de xeración cun único punto de subministración que utiliza a enerxía producida.

Sen excedentes: non se pasan excedentes á rede de distribución.

Autoprodución colectiva: instalación de xeración con varios puntos de subministración que utilizan a enerxía producida. 

Compensación simplificada: retorno do valor económico da enerxía pasada á rede, que vai directamente á factura eléctrica habitual. 

Compensación sen excedentes: tipo de autoprodución colectiva en rede interior na que a compensación se realiza entre os usuarios asociados a unha instalación de xeración.

Rede interior: a conexión entre a instalación de xeración e a instalación de consumo non pasa pola rede eléctrica de baixa tensión, senón que pasa unicamente dentro do mesmo edificio.

Autoprodución a través da rede de baixa tensión: a conexión entre a instalación de xeración e a instalación de consumo pasa pola rede eléctrica de baixa tensión. 

Diferentes modalidades de autoprodución

1. Autoprodución individual

A autoprodución individual consta dunha instalación de xeración e un único punto de consumo ou uso da enerxía. Nesta modalidade existen dous suxeitos: o produtor e o consumidor, que poden ser persoas físicas ou xurídicas diferentes.

1.1. Individual sen excedentes

Hai que instalar un dispositivo de inxección 0 para que non circulen cara á rede eléctrica electróns autoxerados a través do contador. A pesar de que a legalización deste tipo de instalacións é a máis sinxela, non é unha opción moi recomendábel, porque todo o excedente se perde.

1.2. Individual con excedentes e con compensación simplificada

A enerxía que non se utiliza de xeito instantáneo inxéctase á rede e é contabilizada polo contador intelixente. O valor económico dos kWh inxectados descóntase do termo de enerxía da factura da luz, tal como se explica no seguinte artigo: Como funciona a compensación simplificada de excedentes?

Cada comercializadora establece un valor económico por estes kWh. Podes ver o valor económico dos excedentes establecido por Som Energia na sección de tarifas da web e unha explicación do prezo nesta ligazón.

1.3. Individual con excedentes e sen compensación; venda de excedentes

Opción para puntos de subministración que non queiran acollerse á compensación ou non cumpran cos seus requisitos. A enerxía excedentaria véndese no mercado a través dun representante do mercado.

A causa da burocracia que se deriva desta opción, é recomendábel só para instalacións con moito excedente.

2. Autoprodución colectiva

A autoprodución colectiva dáse cando un grupo de usuarios da rede eléctrica se benefician de xeito acordado da enerxía proveniente dunha ou máis instalacións de produción próximas ás de consumo, que cumpran como mínimo cun dos seguintes criterios:

  • Que os puntos de consumo se atopen nun máximo de 2.000 metros da instalación de produción. No caso de autoprodución que non sexa fotovoltaica e/ou non se atope sobre cuberta, a distancia máxima é de 500 metros.
  • Que compartan transformador de baixa tensión.
  • Que teñan a mesma referencia catastral.

No proceso de legalización e posta en marcha da autoprodución colectiva, tense que establecer tamén o acordo de reparto de enerxía xerada.

Estes tipos de autoprodución requiren un contador específico que rexistra a enerxía xerada pola instalación de autoprodución. Os contadores habituais seguen medindo a enerxía consumida en cada vivenda, tanto a proveniente da rede como a proveniente da instalación de autoprodución.

2.1. Autoprodución colectiva en rede interior

A autoprodución colectiva en rede interior é, habitualmente, a que se realiza nun bloque de vivendas sen pasar pola rede de distribución. Este tipo de autoproducción pode ser con excedente ou sen el, e con compensación ou sen ela. Atoparás máis información desta modalidade na Guía práctica para a autoprodución colectiva en bloques de pisos que elaboramos en Som Energia.

Nestes casos requírese un contador na instalación de xeración, que mide a enerxía total xerada. O contador habitual de cada vivenda é o encargado de medir a enerxía que chega hora a hora e que permite distinguir canta enerxía é autoconsumo directo e canta provén da rede.

2.1.1. Autoprodución colectiva en rede interior sen excedentes e con compensación

A particularidade desta modalidade é o sistema que evita o fluxo de enerxía cara á rede. 

2.1.2. Autoprodución colectiva en rede interior con excedentes e con compensación

A enerxía autoconsumida e a compensación realízanse a través da asignación mensual da enerxía xerada cada hora a cada usuario, segundo as porcentaxes pactadas e establecidas no acordo de reparto. Nas horas nas que non se utiliza toda a enerxía xerada, prodúcense uns excedentes que se compensan co sistema habitual de compensación e segundo a asignación por porcentaxes mencionada anteriormente.

2.1.3. Autoprodución colectiva en rede interior con excedentes e venda de enerxía

A enerxía autoconsumida realízase a través da asignación mensual da energía xerada cada hora a cada usuario segundo as porcentaxes pactadas e establecidas no acordo de reparto. Nas horas nas que non se utiliza toda a enerxía xerada, prodúcense uns excedentes que se pasan á rede para vendelos no mercado eléctrico a través dun representante do mercado.

2.2. Autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión

A autoprodución colectiva a través da rede de baixa tensión é, habitualmente, a que se realiza entre puntos de subministración eléctrica (vivendas, comercios, pequena industria…) próximos fisicamente a unha ou máis instalacións de xeración. A autoprodución colectiva a través da rede é posíbel se entre os puntos de xeración e os de consumo se cumpre, cando menos, un dos criterios explicados no inicio da sección 2.

Este tipo de autoprodución é sempre con excedentes e pode ser con compensación ou sen ela. Para máis información, podes consultar o seguinte artigo: Autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión.

2.2.1. Autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión con excedentes e con compensación

Nesta modalidade existen diferentes usuarios asociados a unha ou máis instalacións de xeración a través da rede de baixa tensión. O contador habitual de cada punto de subministración encárgase de medir a enerxía que chega ou vai cara á rede hora a hora.

A compensación lévase a cabo a través da asignación mensual da enerxía xerada cada hora a cada usuario, segundo as porcentaxes pactadas e establecidas no contrato de reparto. Nas horas nas que non se utiliza toda a enerxía xerada, prodúcense uns excedentes que se compensan co sistema habitual de compensación e segundo a asignación por porcentaxes mencionada anteriormente.

2.2.2. Autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión con excedentes e con venda de enerxía

Nesta modalidade existen diferentes usuarios asociados a unha ou máis instalacións de xeración a través da rede de baixa tensión. 

A compensación realízase a través da asignación mensual da enerxía xerada cada hora a cada usuario segundo as porcentaxes pactadas e establecidas no acordo de reparto. Nas horas nas que non se utiliza toda a enerxía xerada, prodúcense uns excedentes que se  pasan á rede para vendelo no mercado eléctrico a través dunha empresa representante de mercado.

Tal como explicamos aquí, Som Energia dispón do servizo de representación de mercado.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar