Documentación necesaria para a alta de subministración en Cataluña
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Cando se quere dar de alta unha subministración, débese certificar que a instalación eléctrica se atopa en bo estado e cumpre coa normativa vixente en materia de seguridade. Neste artigo detallamos a documentación que se require en Cataluña, e que é diferente segundo a casuística: alta dunha primeira ocupación (nunca antes houbo luz naquel punto de subministración) ou alta de segunda ocupación (houbera luz, mais actualmente non a hai). Para os casos en que agora xa hai luz, o que hai que facer é un cambio de titularidade.
Primeira ocupación
Nos casos de primeira ocupación, en Cataluña, téñense que presentar dous documentos (pódese facer a través da Oficina Virtual no momento de contratar):
- Certificado da instalación eléctrica (CIE): este documento recolle as características técnicas da instalación e certifica que as súas condicións son seguras para recibir a subministración de electricidade. Ten unha vixencia de 20 anos a partir da súa emisión.
- O Rexistro de Instalacións Técnicas de Seguridade Industrial de Cataluña (RITSIC).
Estes documentos, que son válidos durante un ano desde a súa emisión, débeos emitir persoal electricista homologado, e recollen as características da instalación, como por exemplo a potencia máxima instalada ou a que pode admitir.
Segunda ocupación
Nos casos de segunda ocupación, nos que polo tanto nalgún momento xa tivo certificado de instalación eléctrica (CIE), pódense dar varias situacións:
- Opción 1: A alta de subministración de segunda ocupación implica unha ampliación de potencia contratada a respecto da potencia máxima admisible que figura no certificado (CIE) vixente. Neste caso, será preciso que nos entregues, a través da Oficina Virtual, a documentación técnica que che entregue o persoal electricista homologado (pode ser un CIE máis RITSIC ou ben un boletín eléctrico).
- Opción 2: Ao facer a alta de subministración, queres pedir unha potencia igual ou inferior á potencia máxima admisíbel da instalación (segundo establece o CIE), e o CIE ten unha antigüidade de menos de 20 anos. Neste caso, non se precisa ningunha documentación máis.
- Só nos casos en que fose preciso facer cambios na instalación, debería presentarse un novo CIE, acompañado do RITSIC (Rexistro de Instalacións Técnicas de Seguridade Industrial de Cataluña).
- Opción 3: Ao dar de alta a subministración, queres pedir unha potencia igual ou inferior á potencia máxima admisíbel da instalación (segundo establece o CIE), e o CIE ten unha antigüidade de máis de 20 anos. Neste caso, a distribuidora podería pedir que se presente un novo CIE, o que che notificariamos por correo electrónico. En caso de que non o pida, igualmente é recomendábel facelo, xa que certificará que a instalación se atopa en bo estado e cumpre as medidas de seguridade vixentes.
Tanto o CIE como o RITSIC, que son válidos durante un ano desde a súa emisión, serán emitidos por persoal electricista homologado, e recollen as características da instalación, como por exemplo a potencia máxima instalada ou a que podería admitir.
O prezo do CIE pode variar segundo o profesional; por iso, sempre é recomendável pedir diferentes orzamentos. Como referencia, adoita estar entre os 80 e os 200 euros, agás se se detectan anomalías que precisen unha actuación máis importante.