Que debo ter en conta se quero contratar con Som Energia e teño autoconsumo?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Se queres contratar a electricidade con Som Energia e tes o autoconsumo activado, debes ter en conta certos aspectos. No momento de encher o formulario de contratación, pedirémosche que nos indiques os datos seguintes, relacionados coa túa instalación de autoconsumo:
- Código CAU (código de autoconsumo)
- Potencia da instalación
- Servizos auxiliares
- Tipo de instalación
- Tipo de tecnoloxía
A maioría dos datos atoparalos no Certificado de instalación Eléctrica que a empresa técnica que che realizou a instalación che debeu proporcionar. A continuación explicámosche algúns detalles.
Onde podo obter o código CAU?
O código CAU (código de autoconsumo) utilízase para rexistrar a instalación de autoconsumo con compensación de excedentes (tanto individual como colectiva) e consta dunha serie de letras e números que serven para identificar a instalación, saber onde se sitúa e onde se xera a enerxía.
O código CAE de cada punto de subministración con autoprodución é o código CUPS (Código Universal del Punto de Subministración) seguido da letra A e tres números máis, que varían en cada caso. Para saber cal é o da túa instalación, tes que contactar coa empresa distribuidora eléctrica da túa zona.
Se se trata dunha instalación situada en Cataluña, este código tamén o podes atopar no documento RAC (Rexistro de Autoconsumo de Cataluña), que a empresa técnica que che realizou a instalación che debeu proporcionar.
É importante non confundir o código CAU co código CIL (Código de instalación de produción a efectos de liquidación), que se utiliza para instalacións de produción/xeración directos a rede (non de autoconsumo).
Como podo saber que potencia ten a miña instalación?
Esta información tela dispoñíbel no Certificado de Instalación Eléctrica que a empresa técnica que che realizou a instalación che debeu proporcionar.
Este dato adoita estar situado na sección «características técnicas da instalación» e atoparás o concepto indicado como «potencia instalada».
A continuación tes unha recompilación de modelos de Certificado de Instalación Eléctrica de baixa tensión segundo a comunidade autónoma onde estea situada a instalación:
Modelo CIE de Galicia
Modelo CIE A Rioxa
Modelo CIE de Andalucía
Modelo CIE Asturias
Modelo CIE de Aragón
Modelo CIE de Canarias
Modelo CIE de Cantabria
Modelo CIE de Castela-A Mancha
Modelo CIE de Castela e León
Modelo CIE de Cataluña
Modelo CIE de Estremadura
Modelo CIE das Illas Baleares
Modelo CIE de Madrid
Modelo CIE de Murcia
Modelo CIE de Navarra
Modelo CIE do País Valenciano
Modelo CIE do País Vasco
Como podo saber se teño servizos auxiliares?
Esta información tela dispoñíbel no Certificado de Instalación Eléctrica que a empresa técnica que che realizou a instalación che debeu proporcionar. Os servizos auxiliares adoitan ser elementos que provén o servizo básico en calquera réxime de funcionamento da instalación de autoconsumo.
Como podo saber que tipo de instalación teño?
Verás que o formulario de contratación che permite indicar tres opcións: rede interior, rede interior con varios consumidores ou ben instalación próxima a través de rede.
Rede interior: é a máis habitual. En todo caso, podes consultar esta información á empresa técnica que che realizou a instalación.
Rede interior con varios consumidores: só o terás que indicar se se trata dun autoconsumo colectivo.
Instalación próxima a través de rede: só o deberás indicar se a instalación de autoconsumo está situada nun lugar diferente do da instalación eléctrica principal (como máximo, a 500 metros da instalación eléctrica á que proporciona enerxía).
Para máis información podes consultar este artigo do Centro de Axuda: As diferentes modalidades de autoprodución renovábel doméstica.
Como podo saber que tipo de tecnoloxía teño?
Esta información tela dispoñíbel no Certificado de Instalación Eléctrica que a empresa técnica que che realizou a instalación che debeu proporcionar.
Este dato adoita estar situado na sección «datos da instalación» ou «documentación técnica».
No caso das instalacións solares fotovoltaicas, será a [B11] - Instalacións que unicamente utilizan a radiación solar como enerxía primaria mediante a tecnoloxía fotovoltaica.