Como reducir os usos permanentes de electricidade
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Os electrodomésticos e outros aparellos eléctricos adoitan utilizar electricidade mesmo cando non os estamos a utilizar.
O uso eléctrico que hai cando o aparello está en modo de espera ( standby), o uso permanente é a electricidade utilizada por un aparello cando este non está a realizar a súa función principal, mais en cambio está conectado a unha fonte de alimentación e está preparado para ser utilizado. Por exemplo, un televisor, despois de que o apagues co mando a distancia, continúa a usar un pouco de enerxía para manter activa a función de control remoto, para que o poidas acender, cando queiras, a través do mando a distancia.
Estes «vampiros enerxéticos» acaban por ter un impacto nas facturas de electricidade. Mais o custo non é só económico. A electricidade utilizada para manter o standby destes dispositivos representa un gran número de emisións que contribúen ao quecemento global, e que se poderían evitar facilmente.
Se non tiveches nunca coidado, cun pouco de motivación e atención podes reducir este uso permanente na metade ou máis.
Como identificar que aparellos fan uso eléctrico en standby
Normalmente, os equipos que teñen un uso eléctrico permanente, aínda que non en funcionamento, son aqueles que:
- Teñen un control remoto ou unha pantalla dixital acendido continuamente: por exemplo, televisores, reprodutores de DVD, ventiladores eléctricos, lavadoras, microondas e equipos de son. Aínda que apagamos o aparello co mando a distancia, este mantense en modo de espera para manter funcións, como o sistema de control remoto ou a pantalla de visualización.
- Teñen unha fonte de alimentación externa: cargadores de teléfonos móbiles, ordenadores portátiles, etc. Aínda que o dispositivo de carga principal do aparello estea apagado, a unidade de alimentación externa do dispositivo aínda está a utilizar electricidade en forma permanente.
- Teñen batería recargábel incorporada e dispositivo de carga: teléfonos sen cable, cargadores de batería, etc. Poida que estes equipos continúen a utilizar electricidade aínda que a batería estea completamente cargada.
Entre os aparellos con modo de espera podemos incluír: módem de banda larga, enrutador wifi ( encamiñador), teléfono sen cable, ordenador (tanto de mesa como portátil), monitor de ordenador, tableta, impresora, cargador para teléfono móbil, batería de seguridade, televisor, reprodutor de vídeo, cámara de vídeo, consola de videoxogos, ventilador eléctrico, cepillo de dentes eléctrico, máquina de afeitar, etc.
Consellos e medidas a ter en conta:
-
Desconectar, inmediatamente despois de usalos, os dispositivos que non se utilizan ou que se utilizan raras veces.
-
Cando saias da casa por períodos longos, apaga ou mesmo desconecta os aparellos eléctricos dos enchufes.
-
Conecta os dispositivos a unha regreta de enchufes con interruptor, para poder desconectalos todos dunha vez.
-
Axusta a configuración de enerxía dos equipos electrónicos cando sexa posíbel. Por exemplo, pór en repouso o ordenador despois dun tempo de inactividade ou apagalo cando prevexas non usalo por bastante tempo.
-
Cando teñas que cambiar un equipo electrónico, se é posíbel, compra o novo coa etiqueta ENERGYSTAR, xa que minimiza o uso de enerxía tanto para modos inactivos como para modos activos. No ámbito europeo, a etiqueta EU Ecolabel tamén é interesante, xa que garante un certo nivel de eficiencia enerxética, sempre que o aparello en cuestión se configure ou se programe para aforrar enerxía.
Basicamente, o xeito máis eficaz e sinxelo de reducir o uso de enerxía en espera é apagar ou desconectar os electrodomésticos e dispositivos despois de usalos.
Artigos relacionados