Como legalizar a instalación e pasar o contrato a unha modalidade con autoprodución?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Neste artigo detallamos os pasos que debes dar se dispós dun sistema de autoprodución (de menos de 100 kW e en baixa tensión) debidamente instalado, na túa casa ou no teu bloque de pisos, e queres pasar a unha modalidade de autoprodución para que se aplique na túa factura.

Pasar a modalidade de autoprodución individual con compensación simplificada:

0.    Solicitude do código CAU á distribuidora e o contrato técnico de acceso

Código CAU

Con carácter previo, un dos primeiros trámites que hai que realizar é solicitar o código CAU. Este código utilízase para rexistrar a instalación de autoconsumo con ou sen compensación de excedentes, e tanto para instalacións individuais como colectivas. Trátase dunha serie de letras e números que serven para identificala e saber onde se sitúa. 

Normalmente, o código CAU inclúe o código CUPS da subministración, seguido da letra A e outros tres números. Para saber cal é o teu, debes contactar coa empresa distribuidora eléctrica da túa zona. 

Contrato técnico de acceso 

Se a túa instalación se atopa en solo rústico ou ben a súa potencia de xeración é superior a 15 kW, é moi probábel que teña que asinarse un contrato técnico de acceso (CTA). Se este é o teu caso, podes contactar coa túa distribuidora para informarte.

Do mesmo xeito que o código CAU, este trámite tamén hai que xestionalo previamente, se fose preciso. 

1. Rexistro de autoconsumo autonómico

Hai que presentar, a través das canles establecidas por cada comunidade autónoma, a documentación solicitada, que pode variar en función de cada rexión e da modalidade de autoprodución á que te queiras acoller. 

Normalmente, a empresa que realizou a instalación autoprodutora é a encargada destas xestións. É preciso que te asegures diso no momento de contratala. 

2.    Comunicación na comercializadora, vía distribuidora. 

Unha vez rexistrada a instalación, o organismo autonómico encárgase, nun prazo máximo de dez días hábiles, de comunicalo á empresa distribuidora e esta, en cinco días hábiles máis, debe informar á comercializadora con quen tes o contrato, neste caso Som Energia. 

3.    Verificación dos datos rexistrados sobre a autoprodución 

Cuando en Som Energia recibamos a notificación por parte da distribuidora, porémonos en contacto contigo por correo electrónico para que confirmes que os datos recibidos son correctos. Cando recibas o correo, tes que ir á Oficina Virtual, á sección «Contratos» > «Autoconsumo» e seleccionar «Os meus trámites de autoconsumo»:

Entón aparecerache unha pantalla semellante á seguinte:

E depois:

En caso de que os datos sexan correctos, deberás marcar a opción «Si, aceptar o trámite».

En caso de que sexan erróneos, deberás marcar a opción «Non, rexeitar o trámite», e deberás dirixirte tamén ao organismo pertinente da túa comunidade autónoma para que as corrixa. Deste xeito, a distribuidora volverá enviarnos a información rectificada.

Lembra que, por normativa, se dispós dunha instalación fotovoltaica, a potencia instalada é a potencia do inversor e non a potencia das placas. Aconsellámoste que, en caso de dúbida e antes de rexeitar o trámite, consultes coa túa empresa instaladora todos os datos para verificalos. 

4. Solicitude de modificación do contrato de acceso

Se verificaches que os datos son correctos, aparecerache unha pantalla de «Aceptación ou rexeitamento do trámite», para aceptar ou rexeitar a modificación do teu contrato na modalidade de autoprodución correspondente:

Alí poderás confirmar que queres pasar o teu contrato á modalidade de autoprodución que corresponda. 

Cando recibamos esta solicitude, desde a cooperativa pediremos á empresa distribuidora a modificación do contrato de acceso, e enviarémosche, en poucos días, un documento de novas condicións particulares provisional. Cando a distribuidora dea por boa a túa solicitude, activarache a modalidade de autoprodución e entón enviarémosche as novas condicións particulares coa modalidade de autoprodución rexistrada e comezaremos a aplicalo na túa facturación mensual. 

Esta modificación contractual ten un custo regulado de 9,04 euros + IVE. 

Para instalacións con autoconsumo individual, se pasados 10 días hábiles non tramitaches a aceptación a través da Oficina Virtual, a distribuidora pode activar de xeito automático a modalidade de autoconsumo. Nese caso, enviarémosche un correo electrónico para informarte da data da modificación do teu contrato.

Que debes facer se tes autoconsumo e queres pasar a Som Energia (agora estás con outra comercializadora)? 

Se comezaches a xestionar a activación da modalidade de autoprodución do teu contrato estando noutra comercializadora e queres pasarte a Som Energia, non hai inconveniente en facelo. Mais é importante que no momento de comunicarche que o contrato xa está activo coa cooperativa nos avises de que antes xa comezaras os trámites de autoconsumo. Facéndoo así, poderemos pedir á distribuidora que nos envíe a información que se cadra xa enviaras á anterior comercializadora, e poderemos completar a activación da compensación de excedentes con maior celeridade. 

Se xa tes o autoconsumo activo e, polo tanto, xa che aparece así nas facturas, e queres realizar o cambio de comercializadora para Som Energia, aconsellámosche que revises o seguinte artigo: Que debo ter en conta se quero contratar con Som Energia e teño autoprodución.

Pasar o contrato a modalidade de autoprodución colectiva 

Os pasos que se deben seguir para acoller un contrato ou conxunto de contratos á modalidade de autoconsumo colectivo son, en esencia, os mesmos que os descritos no punto anterior: 

  1. Solicitude do código CAU á distribuidora.
  2. Rexistro de autoconsumo autonómico.
  3. Comunicación na comercializadora, vía distribuidora.
  4. Verificación dos datos rexistrados sobre a autoprodución.
  5. Solicitude de modificación do contrato de acceso. 

Mais existen especificidades do autoconsumo colectivo que deben terse en conta e que son diferentes do autoconsumo individual. Seguidamente, detallamos as diferenzas que afectan aos trámites que se deben facer connosco como comercializadora, especialmente o que ten relación co último punto, ou sexa, a modificación do contrato de acceso.

No caso das instalacións colectivas nas que a empresa distribuidora sexa E-distribución, antes de pedir a modificación contractual á modalidade de autoconsumo débese solicitar á distribuidora a inspección de instalación eléctrica (IIE). Pódese pedir enviando un correo a inspeccionautoconsumo@enel.com

Documentación para achegar no autoconsumo colectivo

No momento de solicitar a modificación do contrato de acceso, debes ter en conta que tamén tes que achegarnos o acordo de reparto de excedentes, así como o ficheiro de coeficientes de reparto. 

Facer un acordo de reparto de excedentes é un dos requirimentos da autoprodución compartida. Establece a porcentaxe de enerxía xerada que corresponde a cada un dos puntos de uso de enerxía que participan da autoprodución colectiva. Neste acordo, deben constar claramente o código CAU, os coeficientes de reparto para cada CUPS e a sinatura de todas as persoas titulares. 

Poderás atopar un modelo de documento de acordo de reparto na sección de anexos da Guía para a autoprodución colectiva en bloques de vivendas

O arquivo de coeficientes de reparto é un arquivo informático en formato «.txt» no que se detallan os diferentes CUPS e porcentaxes de reparto, de forma moi concreta, como explicamos seguidamente. Tal e como se explica na seguinte orde TED 1247/2021 que regula o seu formato, existen dous modelos de ficheiro: 

  • Fixo: con coeficientes de reparto constantes ao longo do ano.
  • Variable: con coeficientes de reparto que poden variar horariamente ao longo do ano. 

Arquivo de coeficientes

1. O nome do arquivo será o do código de autoconsumo (CAU), seguido dun guión baixo, o ano correspondente expresado numericamente e seguido da extensión «.txt». Por exemplo: 

ES0031405*********EF0FA000_2022.txt

2. O separador dos campos será o punto e coma «;

3. O carácter decimal será a coma «,»

4. Os campos e orde en que será necesario configurar os arquivos varían se os coeficientes de reparto son fixos ou variábeis.

     a. No caso do fixo, será:

Campo Información Lonxitude Tipo Exemplo
CUPS Código universal de punto de subministración 22 Cadea ES0031405*********EF0F
Coeficiente Coeficiente que será un número 8 Decimal 0,135464

Cada CUPS indicarase nunha fila diferente.

     b. E, no caso da variable, haberá que engadir o campo da hora:

Campo Información Lonxitude Tipo Exemplo
CUPS Código universal de punto de subministración
22 Cadea ES0031405*********EF0F
Hora Hora, que tomará valores enteiros desde 1 a 8760 4 Enteiro 523
Coeficiente Coeficiente que será un número 8 Decimal 0,135464

Cada valor horario, por cada CUPS indicarase nunha fila distinta. 

5. En todos os casos, nunha determinada hora, a suma de coeficientes debe ser 1. 

A normativa establece que os coeficientes de reparto poderán modificarse varias veces por ano, aínda que haberá que mantelos cos mesmos valores como mínimo 4 meses. 

Se xa tedes autoconsumo compartido e queredes cambiar as porcentaxes de reparto 

Se formades parte dun autoconsumo colectivo e queredes cambiar este acordo, debedes comunicalo a modifica@somenergia.coop. En caso de querer cambialo, será necesario que nos fagades chegar un novo acordo de reparto de excedentes e un novo ficheiro de coeficientes.

Mais debedes ter en conta que, ata que as modificacións do acordo de reparto de todos os CUPS implicados neste autoconsumo colectivo non sexan aceptadas, non se aplicará o novo acordo de reparto. Polo tanto, se existe algún CUPS implicado neste autoconsumo colectivo que non fixera a solicitude de modificación do acordo de reparto ou esta solicitude fora rexeitada, non se aplicará o novo acordo de reparto ao resto de CUPS implicados.

Ligazóns de interese

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar