Orixe da electricidade en Som Energia

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Som Energia comercializa electricidade verde xerada a partir de fontes 100 % renovábeis. Para garantilo, dispomos de certificados de garantía de orixe ou GdO. Estes certificados entréganse nas instalacións produtoras de electricidade con fontes renovábeis, e cada un indica cal é o volume de enerxía que se xerou e entregou á rede. Pola súa vez, cada instalación produtora transfire os seus certificados á empresa comercializadora que corresponda.

Deste xeito, podemos afirmar que somos 100 % renovábeis, xa que os certificados de GdO garanten que o 100 % da enerxía que requiriron as persoas asociadas e usuarias foi xerada por instalacións produtoras de enerxía renovábel e podemos cumprir co compromiso da cooperativa: dar visibilidade á demanda por parte da cidadanía dunhas fontes enerxéticas (as renovábeis) fronte a outras (fósiles e nucleares).

Hai que ter en conta que non é posíbel separar a enerxía renovábel da enerxía fósil ou nuclear na mesma rede de transporte e distribución da electricidade; polo tanto, a electricidade da rede é unha mestura de todas as fontes de produción. A electricidade xerada polas plantas de produción de Som Energia non pode facer o camiño directo até a casa das persoas ou locais de entidades socias. Porén, si se pode garantir desde a cooperativa que a mesma cantidade de enerxía utilizada por socias e clientes cando se conectan á rede foi entregada previamente a esta rede mediante os nosos proxectos de xeración renovábel, ou outros proxectos colaboradores que nos transfiren os seus certificados de garantía.

Para que a cooperativa obteña a etiqueta de comercializadora verde (100 %renovábel) hai que superar o procedemento de certificación que realiza a CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia), que é o organismo encargado de certificar que o volume de enerxía comercializada pola cooperativa é equivalente ao volume de enerxía dos certificados de garantía de orixe obtidos.

De que plantas obtemos os certificados de garantía de orixe?

Som Energia traballa para desenvolver proxectos de produción de enerxía renovábel, especialmente en fotovoltaica, eólica e minihidráulica. Estes proxectos achegan parte dos certificados de garantía de orixe precisos para o volume de enerxía comercializada, mais non son suficientes.

Daquela, á parte de facer uso dos certificados das nosas propias instalacións, dispomos de colaboracións moi apreciadas. De xeito especial, procuramos que os produtores renovábeis aos que compramos a enerxía sexan de fóra do oligopolio e estean en sintonía cos valores que defendemos desde a cooperativa. Damos prioridade a que sexan certificados obtidos con enerxía eólica, fotovoltaica e solar termoeléctrica, e é imprescindíbel que todos os proxectos se atopen na península Ibérica, Baleares ou Canarias.

Som Energia, representante de mercado

A través da tarefa de representación en mercado das plantas de produción renovábel (as nosas e as de aquelas persoas ou empresas interesadas), que consiste en tramitar a venda da enerxía producida e a retribución específica para as plantas con dereito a prima, obtemos certificados de garantía de orixe 100 % renovábel. Deste xeito, as centrais de produción renovábel que confían en nós para vender a enerxía producida, facilítannos a opción de obter os seus certificados de xeito máis directo, a través desta colaboración.

O resto de certificados obtivéronse a través de intermediarios que os transfiren e cos que se pacta un prezo segundo a evolución do mercado.

Para máis información sobre a tarefa de representación podes consultar o artigo A autoprodución con venda de excedentes.

Es unha entidade ou empresa e precisas un certificado de garantía de orixe 100 % renovábel?

Como entidade ou empresa é posíbel que che interese certificar que a enerxía que utilizas para a túa actividade é de orixe renovábel. Isto é habitual se se realizan auditorías ou certificacións en xestión ambiental.

Así, desde a cooperativa, coa certificación de garantía de orixe emitida pola CNMC, podemos emitir ao tempo un certificado ás entidades e empresas con contrato con Som Energia que o desexen. Para iso, emitimos un documento semellante ao que podes ver nesta imaxe.

Se che interesa recibir un certificado de garantía de orixe 100 % renovábel, podes pedilo escribindo un correo a empresa@somenergia.coop.

Tes que ter en conta que só podemos emitir certificados até o ano que temos certificado oficialmente. De xeito habitual, a certificación da CNMC dun determinado ano chega durante os meses de abril ou maio do ano seguinte, momento no que poderemos emitir os certificados para as entidades e empresas que nolo pediran, para o ano en cuestión.

Se o teu contrato con Som Energia é posterior e precisas algún tipo de certificado, sempre podes pedirnos un certificado de titularidade para mostrar que a enerxía que utilizas provén de orixe 100 % renovábel. Podes pedírnolo tamén no correo empresa@somenergia.coop.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar