Como se calcula o prezo da tarifa Generation kWh?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

A tarifa Generation kWh é a tarifa á que teñen acceso as persoas que forman parte da Generation kWh. Calcúlase en función do custo de xerar electricidade nas plantas dos proxectos máis os gastos para poder comercializar a enerxía.

Así, o custo de xerar electricidade coas plantas do Generation kWh non é un valor fixo, senón que vai variando ao longo da vida útil da planta do proxecto. Estas variacións poden ser consecuencia de distintos motivos: reparacións, custos de mantemento e administrativos, seguros, cambios na normativa…

O custo de xerar a enerxía actualmente sitúase en 0,051 €/kWh. Calcúlase en función do custo de amortización lineal durante 24 anos (para devolver o préstamo ás persoas que participaron no Generation kWh) e dos custos de operación das instalacións, que inclúe o custo de mantemento, imposto de xeración e custos de operación e xestión.

A este custo débenselle engadir o resto de conceptos relacionados coa comercialización da enerxía (cargos e peaxes de acceso regulados, pagamentos ao operador do sistema e do mercado, marxe da comercializadora e outros conceptos relacionados coa compra de enerxía...).

Sexa como sexa, trátase dun custo independente das variacións do mercado eléctrico debido aos cambios entre oferta e demanda, xa que a enerxía xerada non se compra no mercado grosista da luz. Esta circunstancia provoca que un aumento do prezo da luz do mercado tampouco beneficie a cooperativa con máis beneficios da conta, xa que, como dicimos, é un valor independente do mercado. De feito, esta independencia é un dos piares do proxecto Generation kWh.

O método de cálculo concreto está especificado no Anexo I do contrato

Ten presente que os prezos da tarifa Generation kWh podes atopalos na sección de tarifas da web do Generation kWh.

Aplicación do prezo Generation kWh nas facturas

Lembra que as persoas participantes no proxecto Generation kWh teñen un determinado número de accións enerxéticas, en función da achega económica que realizaron no seu momento. Cada 100 € achegados corresponden a 1 acción enerxética. Lembra tamén que os dereitos enerxéticos están vixentes a partir dos doce meses de realizar a achega.

Nun período tarifario determinado (P1, P2...), a xeración real de todas as plantas de Som Energia incluídas no proxecto Generation kWh divídese polo número de accións enerxéticas existentes. Esta cantidade multiplícase polas accións enerxéticas que realizou cada participante. Isto permite estipular os kWh a prezo Generation que debe aplicarse a cada unha das facturas de cada unha das persoas participantes.

Ao mesmo tempo, se un contrato durante un período tarifario determinado (por exemplo, o período val) utilizou máis enerxía da que lle corresponde ese mes a prezo Generation kWh, cóbrase o consumo de máis á tarifa estándar que corresponda. Se ocorre ao contrario, que durante o período tarifario se utilizou menos enerxía da que lle corresponde a prezo Generation kWh, os kWh «sobrantes» gárdanse para o mes seguinte ou asígnanse aos contratos en prioridade secundaria (ou terciaria, etc.).

Na factura, este prezo de custo aplícase na parte de enerxía (porque as participantes reciben enerxía). Os demais conceptos da factura (impostos, alugamento de contador...) seguen igual. Así, segundo os diferentes factores que mencionamos, nunha factura determinada poden aplicarse máis ou menos dereitos enerxéticos, o que adoita poder verse na factura que emitimos, porque aparecen dúas liñas independentes de enerxía: unha para a enerxía a prezo segundo tarifa, e a outra para a enerxía a prezo Generation kWh.

Máis información sobre o Generation kWh.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar