Como podo saber a potencia que preciso?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

A potencia contratada é, a grandes trazos, o que permite utilizar máis ou menos aparllos eléctricos á vez. Cada aparello require unha potencia determinada (por exemplo, 1 kW, 2,3 kW ou 4 kW…). Así, por exemplo, se un fogar quere ter en marcha ao mesmo tempo un aparello de 1 kW, un de 3 e un de 0,5, precisará cando menos unha potencia de 4,5 kW.

A potencia contratada ten unha grande afectación no custo final da factura, xa que en cada factura se paga un importe por cada kW de potencia contratada e por iso é importante tela ben axustada ás necesidades do día a día.

Se tes unha potencia contratada demasiado elevada, estarás pagando por algo que non estás usando; pola contra, se tes unha potencia contratada demasiado baixa, saberalo porque adoitará saltarche o sistema de control de potencia e interromperase momentaneamente a subministración de electricidade até que non reactives o ICP. Isto é así salvo nos casos en que se dispón de maxímetro (Tarifa 2.0TD con elementos non interrompíbeis e tarifas 3.0TD e alta tensión).

A potencia contratada óptima depende dos aparellos eléctricos e electrodomésticos que se quere ter funcionando nun mesmo momento. Hai que ter en conta as distintas estacións do ano; no inverno pode que se precise calefacción eléctrica e no verán, aire acondicionado. Daquela, mirando a potencia que requiren os aparellos que se desexan utilizar á vez, pódese calcular que potencia máxima se precisa. Mais hai outros xeitos de sabelo.

Se saltan os fusíbeis continuamente (é dicir, se salta o sistema de control de potencia), é indicativo de que se precisa unha potencia superior. E á inversa: se nunca saltan os fusíbeis, posibelmente tense unha potencia máis elevada do que se precisa e, polo tanto, poderíase baixar a potencia. Se os fusíbeis saltan dúas ou tres veces por ano (e isto non supón un inconveniente), posibelmente teñas xa a potencia óptima para ti.

Información da distribuidora sobre a potencia máxima utilizada

Desde finais de 2021, nas facturas xa aparece o dato da potencia máxima utilizada. É un dato moi valioso, útil para axustar a potencia contratada, mais hai que ter en conta certos aspectos para non realizar cambios innecesarios ou que non chegan á potencia óptima, detallámolos a continuación.

Se a distribuidora nos enviou a información, nas facturas aparece o dato de potencia máxima desde xuño de 2021, cando se produciu o cambio de peaxes. A partir de xuño de 2022, cando xa haxa suficientes datos, nas facturas aparecerá o dato de potencia máxima utilizada durante os últimos 12 meses. Porén, neste caso non será un dato moi útil por si só, xa que non é a potencia máxima de cada mes, senón a potencia máxima de todo o período, no día en que se usou máis potencia. Isto non permite saber se esta potencia máxima foi un uso dun momento excepcional (por exemplo, un día especial no que se puxeron en marcha moitos aparellos á vez) ou se é a potencia que se utiliza regularmente no día a día.

Para saber e axustar a potencia ás necesidades reais, será preciso revisar as potencias máximas mes a mes durante todo un ano. Para iso, é preciso acceder ao portal da distribuidora, que si pode ofrecer estes datos (ao final deste artigo atoparás as ligazóns ás principais distribuidoras).

A continuación podes ver un exemplo da potencia máxima utilizada cada mes (unha mostra dos datos que atoparás no portal da distribuidora):

No exemplo, a potencia contratada é de 5,5 kW, e na factura aparecería que a potencia máxima utilizada dos últimos 12 meses foi de 4,8 kW (en novembro). Mais esta non é a potencia óptima: pode baixarse máis.

Como pode verse, foi un mes en concreto (se cadra, incluso un día en concreto) no que a potencia máxima foi de 4,8 kW, xa que o resto de meses a potencia adoita estar entre 2 e 3,5 kW. Daquela, neste caso, a potencia contratada óptima sería duns 3 kW (e non de 4,8 kW, como podería pensarse mirando a factura só co dato global, nin 5,5 kW, a que ten contratada). A persoa titular deste contrato podería baixar a potencia contratada de 5,5 a 3 kW, co consecuente aforro económico.

Hai que ter en conta tamén que existe certa marxe de tolerancia. É dicir, pode sobrepasarse a potencia contratada nun 50 % sempre que non se faga durante máis de 15 minutos. Por exemplo, se se ten contratada unha potencia de 4 kW, podería chegarse aos 6 kW durante dez minutos.

Se cres que podes baixar a potencia

Se chegas á conclusión de que tes máis potencia da que precisas, podes baixar a potencia contratada. Neste caso, a recomendación é reducir unicamente a potencia do período punta, e non o do período val, por dous motivos: por unha banda, o prezo da potencia do período val é extremadamente económico (uns 4 euros por kW por ano), polo tanto, o aforro sería ínfimo. Por outra banda, convén manter a potencia do período val para manter os dereitos de acceso e extensión actuais. Así, se nun futuro precisas máis potencia no período punta (por exemplo, se tes máis aparellos eléctricos), non será preciso que pagues estes dereitos, e só terás que pagar o custo do trámite.

Ten en conta que, contrariamente ao que ocorría antigamente, cando había uns determinados escalóns de potencia para contratar, actualmente podes escoller calquera valor múltiplo de 0,1, por exemplo 2,3, 2,4, 2,5 kW…, 4, 1, 4,2, 4,3 kW…, 7,4, 7,5, 7,6 kW…

Modificar a potencia contratada

Neste outro artigo do Centro de Axuda explicámosche os custos e como tramitar unha modificación da potencia contratada.

No seguinte vídeo detallamos que é a potencia contratada, e tamén podes ver outra forma (un pouco máis complexa) de saber que potencia che convén.

Outros casos

Para contratos con tarifa 3.0TD, con máis de 15 kW de potencia contratada, consulta esta ligazón.

Para contratos de comunidades veciñais con ascensor, consulta esta outra ligazón.

Para contratos con ascensor sen maxímetro e outros aparellos con potencia puntual significativa:

No caso dos contratos con ascensores sen maxímetro ou con aparellos con potencia puntual significativa, debe terse en conta que a potencia máxima da que estamos falando durante todo o artigo, e a que se mostra nas facturas, no Infoenergía e nos portais das distribuidoras é potencia cuarto horaria. É dicir, é a media de todas as potencias demandadas durante 15 minutos, non a potencia máxima dun momento en concreto. Isto significa que os picos de potencia que utiliza un ascensor ao arrincar non quedan reflectidos na potencia máxima. Polo tanto, nestes casos, ou nos casos en que haxa outro aparello que requira moita potencia durante un período curto de tempo, non será útil guiarse pola potencia máxima (é dicir, a cuarto horaria) á hora de baixar a potencia contratada, xa que daquela podería ser que cada vez que se utilizase o ascensor se interrompese a subministración eléctrica.

A continuación enlazamos outras ferramentas que poden axudar a saber a potencia óptima para contratar:

Outra opción que hai é medir a potencia que estás utilizando nun determinado momento cun amperímetro de pinza. Neste caso, podes contactar cunha empresa electricista para que te axude.

Os portais das distribuidoras

Para ver o uso de potencia de cada mes pódese acceder ao portal web da empresa distribuidora da túa zona (se non sabes cal é, podes consultala na factura). A continuación enlazamos as principais:

Portal de I-DE Distribución: https://www.i-de.es/consumidores/web/guest/login

Portal de Viesgo Distribución: https://www.viesgodistribucion.com/acceso

Portal de E-Redes Distribución: https://misconsumos.eredesdistribucion.es/#/

Portal de E-Distribución: https://zonaprivada.edistribucion.com/areaprivada/s/login/?language=es

Portal de UFD Distribución: https://areaprivada.ufd.es/login

Portal unificado de todas as distribuidoras: https://datadis.es/nikola-auth/login

Still need help? Contactar Contactar