O servizo Infoenergia
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O servizo Infoenerxía é unha ferramenta para axudar na comprensión do uso da enerxía e acompañar as persoas socias no seu camiño cara unha maior eficiencia enerxética e aforro económico.
Non nos interesa só informarte de como é o teu uso de enerxía, senón ofrecerche información para pasar á acción. Por este motivo, á parte de poder consultar como, cando e canta enerxía utilizaches, e entender o teu uso enerxético, Infoenerxía analiza os datos para atopar onde podes mellorar: optimizar a potencia, reducir o uso permanente de enerxía e a enerxía reactiva, cambiar hábitos, investir en enerxía renovábel…
Tamén aproveitamos o servizo Infoenerxía para comunicar outras informacións de interese sobre a eficiencia enerxética e a cooperativa.
Este servizo lévase a cabo a través de dúas canles:
- A Oficina Virtual, onde podes consultar os teus rexistros horarios de uso de enerxía e comparalos con outros períodos e medias estacionais.
- Informes personalizados que che enviamos por correo electrónico, con comparativas a respecto de usos de enerxía anteriores, comparativas con contratos con características semellantes ás túas, análises de usos permanentes, adecuación á túa tarifa óptima e consellos personalizados para mellorar os teus hábitos.
É un servizo gratuíto para todos os contratos. Para comezar a recibir informes só é preciso que o teu contrato teña unha antigüidade duns meses na cooperativa. En función do tipo de contrato que teñas (doméstico, pequena e mediana empresa ou administración pública) teremos que ter os datos do contador durante 6 ou 12 meses antes de enviarche o primeiro informe.
Estes son os diferentes informes que enviamos:
- Informes domésticos de Infoenergia
- Informes por entidades e empresas de Infoenergia
- Informes sobre o teu potencial de autoprodución de Infoenergia
BeeData é a nosa colaboradora tecnolóxica, que desenvolve sistemas de información enerxética baseados en bigdata, é dicir, trata grandes volumes de datos procedentes dos contadores dixitais e combínaos con datos climáticos e con perfís estandarizados de demanda.
A partir destas análises desenvolvemos diferentes informes para explicar ás persoas socias como é o seu uso de enerxía, onde hai o potencial de aforro de cada contrato e como avanzar ao longo do tempo nestes obxectivos.
Así, de xeito responsábel e aliñado coa nosa misión de transformar o modelo enerxético, facemos uso de toda a información de que dispomos, para ser máis eficientes, aforrar enerxía, reducir o gasto económico e evolucionar cara un modelo de produción de enerxía distribuída.