O bono social

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Neste artigo explicamos os seguintes puntos en relación co bono social:

Que é o bono social?

O bono social é unha axuda creada polo Goberno, en forma de desconto da factura eléctrica. Está dirixida a determinados colectivos considerados vulnerábeis, agrupados en categorías, de acordo cos limiares de renda das unidades de convivencia establecidas pola lei e tamén segundo determinadas condicións especiais.

As categorías de persoas con dereito ao bono social son:

  • As consumidoras vulnerábeis
  • As consumidoras vulnerábeis severas
  • As consumidoras vulnerábeis severas en risco de exclusión social.

Normalmente, esta axuda representa unha redución do termo de potencia e do termo de enerxía sobre a factura de electricidade, do 25 % para os consumidores vulnerábeis, do 40 % para os consumidores vulnerábeis severos, e pode chegar a ser até do 100 % para os consumidores vulnerábeis severos en risco de exclusión social.

Para poder optar ao bono social é preciso, por unha banda, cumprir cosrequisitos establecidos e, polo outro, ter o contrato de electricidade nunha comercializadora de referencia (mercado regulado) e que se considere que a vivenda é a habitual.  Som Energia non está no mercado regulado, por iso non podemos ofrecela. Damos máis detalles na parte final deste artigo.

Cales son as comercializadoras de referencia?

Nesta ligazón podes atopar a listaxe das comercializadoras de referencia. Tal e como dixemos, o bono social é preciso contratalo a través dunha comercializadora desta listaxe, con independencia de onde se atope a vivenda.

Hai que ter presente, tamén, que para beneficiarse do bono social debes acollerte á tarifa PVPC (prezo voluntario para o pequeno consumidor). En caso de non estar, na documentación que se presente para a solicitude do bono social, débese incluír unha autorización para realizar este cambio de tarifa e comercializadora.

Como solicitalo?

As solicitudes para pedir o bono social atópanse na páxina web de cada unha das comercializadoras de referencia (hai diferentes tipos), así como documentación requirida, que depende da razón pola que se pide a axuda.

Na páxina web do bono social do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismopódese atopar máis información.

Podemos aplicar o bono social en Som Energia?

Lamentabelmente, en Som Energia non podemos aplicar o bono social establecido polo Goberno, porque somos unha comercializadora do mercado libre e non do mercado eléctrico regulado, e só está permitido ofrecer esta axuda ás comercializadoras do mercado eléctrico regulado.

Aínda así, temos a obriga, como todas as comercializadoras, de achegar financiamento destinado ao bono social, polo que ese concepto aparece na factura. A orde TED/81/2023 establece que, para 2023, debe ser de aproximadamente 14,04 euros ao ano por cada contrato de electricidade.

O feito de que a aplicación do bono social só a poidan ofrecer as empresas do mercado regulado limita a liberdade para escoller con quen contratar a luz. Deste xeito, as persoas que contratan unha comercializadora do mercado libre perden a oportunidade de beneficiarse dunha axuda á que teñen dereito.

Desde a cooperativa cremos que habería que revisar a regulación relacionada. Do mesmo xeito, tampouco descartamos pasar a ser comercializadora de referencia algún día, se isto realmente fose útil para acadar os nosos obxectivos. Deberase valorar no seu momento porque aínda non cumprimos os requisitos que se piden para operar dentro do mercado regulado.

De calquera xeito, hai que ter presente que, á parte das axudas económicas, revisar as condicións de contratación e ser máis eficientes no uso enerxético tamén son estratexias para reducir o custo da factura de xeito sostido no tempo, así como de reducir o impacto ambiental.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar