A quen chamar en caso de avaría?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Se quedas sen luz o primeiro que podes facer é valorar a quen afecta a avaría, se só afecta á túa casa ou tamén afecta outros puntos de subministración (veciñanza, outros puntos da rúa ou da zona...).

Se a interrupción do servizo só afecta o teu punto de subministración, quererá dicir que a incidencia está localizada na túa instalación interna (da casa ou da comunidade veciñal). Neste caso, podes revisar que non saltaran as proteccións do cadro eléctrico ou o ICP. Setodos os interruptores do cadro eléctrico están subidos, tamén podes comprobar que non saltara o ICP interno do contador dixital. Se é así, aparecerá unha mensaxe na pantalla, e é posíbel que sexa preciso reiniciar o contador, podes facelo premendo o botón. Se os diferenciais e o ICP do cadro de luces están subidos e o contador funciona con normalidade, e aínda así segue sen haber luz, daquela recomendámosche que contactes con persoal electricista autorizado.

Se a avaría afecta outros edificios da zona, probabelmente se trate dunha avaría da rede eléctrica. Neste caso, a empresa de distribución eléctrica é quen debe resolver o problema. A distribuidora é a propietaria da rede e a responsábel da calidade da subministración, e quen dispón dos medios técnicos e humanos para dar resposta en caso de incidencias coa subministración eléctrica (cortes, subidas ou baixadas de tensión, etc.). De feito, parte dos custos regulados incluídos na factura eléctrica están destinados a pagar ás distribuidoras polo seu labor de garantes da calidade da subministración.

Nas facturas de luz de Som Energia aparece o teléfono de avarías da distribuidora da túa zona para poder contactar en caso de que sexa preciso. Se decides contactar coa distribuidora por un corte de subministración e esta envía persoal técnico, poden chegar a facturarche por concepto de desprazamento, se finalmente a incidencia afectaba á túa instalación interna.

Desde Som Energia, como comercializadora eléctrica, podemos tramitar reclamacións pola maioría de aspectos que afectan á rede, mais non para os casos de avaría ou de falta de subministración, que adoitan ser de carácter urxente. Se te atopas neste caso, precisarás contactar directamente coa distribuidora (atoparás o teléfono na túa factura).


A distribuidora e-distribución (que dá servizo en Aragón, Andalucía, Illas Baleares, Canarias, Cataluña e unha parte de Estremadura) ten un mapa actualizado coas interrupcións de subministración de enerxía causadas por avarías na rede ou por traballos de mantemento programados.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar