Tipo de punto de medida: características dos contadores

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Para saber como se che factura a potencia utilizada e que información terás sobre o teu uso enerxético, é relevante coñecer o tipo de contador e que características ten.

Así, o regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico ( RD 1110/2007) establece os criterios para clasificar os contadores eléctricos segundo as características do punto de subministración.

Este regulamento define tamén o concepto de punto fronteira, que son os puntos de conexión entre as distintas partes do sistema eléctrico. Sono, por exemplo, a conexión entre un punto de xeración de enerxía eléctrica e a rede de transporte, entre a rede de transporte e a distribución, e entre un usuario final e a distribución, entre outros. É importante coñecer este concepto, xa que o tipo de punto fronteira e o tipo de contador están relacionados.

Así, de máis a menos habitual, temos:

Contadores tipo 5

●   É o habitual para subministracións domésticas.

●   Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa igual ou inferior a 15 kW.

●   Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia nominal igual ou inferior a 15 kVA.

Contadores tipo 4

●   Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa superior a 15 kW e igual ou inferior a 50 kW.

Contadores tipo 3

●   Os que non poidan clasificarse noutra categoría.

Contadores tipo 2

●   Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa superior a 450 kW.

●   Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia aparente nominal igual ou inferior a 450 kVA.

●   Puntos de conexión nos que o intercambio anual de enerxía sexa igual ou superior a 750 MWh.

Contadores tipo 1

●   Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa igual ou superior a 10 kW.

●   Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia aparente nominal igual ou inferior a 12 kVA.

●   Puntos de conexión nos que o intercambio anual de enerxía sexa igual ou superior a 5 GWh.

Contadores e telemedida

O regulamento, igual que define os distintos tipos de contadores, define se a telemedida é obrigatoria ou non, segundo o tipo de contador.

Isto é importante telo presente, porque se dispós de telemedida poderás saber con maior detalle cal é o teu uso enerxético. Esta dispoñibilidade tamén condiciona a información enerxética que podemos ofrecerche a través da Oficina Virtual, en calidade de comercializadora. Debes ter en conta que canto máis coñecemento teñas do teu uso enerxético, maior capacidade de análise e posibilidade de decisión terás.

En instalacións con contadores tipo 1 e 2, a telemedida é obrigatoria e a empresa responsábel de tomar as lecturas é o operador do sistema, ou sexa, REE.

En instalacións con contador tipo 3 que non correspondan a puntos fronteira de cliente, a telemedida tamén é obrigatoria.

En instalacións con contadores tipo 3 que correspondan a puntos fronteira de cliente e tipo 4, a telemedida é opcional. Alternativamente, a medida realízase de forma manual por persoal técnico que se traslada ata o contador e que rexistra as medidas horarias cun terminal móbil.

En instalacións con contadores tipo 5, desde 2019 deberían ter instalados contadores dixitais que permitan a telexestión. Para os tipos 3, 4 e 5, a empresa responsable de tomar as lecturas é a empresa distribuidora correspondente. Do mesmo xeito, as distribuidoras deben compartir os rexistros horarios directamente coas persoas usuarias finais mediante un portal web propio.

Telexestión e telemedida

Que un contador permita a telemedida implica que a través dun dispositivo a empresa distribuidora accede aos distintos rexistros de uso de enerxía e potencia que recolle o contador.

A telexestión vai un pouco máis lonxe e, ademais de recoller os datos de enerxía e potencia, tamén permite modificar algúns dos seus parámetros (períodos horarios, potencia contratada, etc.).

Contadores e rexistro de potencia utilizada

Outro aspecto importante relacionado cos contadores é como estes rexistran a potencia utilizada. Isto é especialmente relevante porque define como será a penalización por excesos de potencia, en caso de que a facturación sexa por maxímetro.

Os puntos de subministración con contadores tipo 1, 2 e 3 dispoñen dun seguimento cuarto-horario e, polo tanto, a facturación dos excesos de potencia faise mensualmente por excesos cuarto-horarios. Ou sexa, mírase, de cada cuarto de hora do período de facturación en cuestión, se se superou a potencia contratada ou non. Se nun cuarto de hora se superou (sexan as veces que sexan), factúrase a penalización unha vez. Se nun cuarto de hora non se superou, non se factura penalización algunha.

En cambio, nos puntos de subministración con contadores tipo 4 e 5, o seguimento da potencia utilizada tamén é por períodos de 15 minutos, mais neste caso o que se calcula é a media de potencia utilizada dentro do cuarto de hora. Se esta media resulta superior á potencia contratada para algún dos períodos dentro do período facturado, aplícase unha penalización.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar